“Dende entón e durante case unha década Escoitar.org levou a cabo numerosos proxectos orientados á conservación da memoria sonora, a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial, o fomento da participación social na construción dese patrimonio e o estudo, rexistro, representación e contextualización da paisaxe sonora de Galicia nun contexto internacional.
Os seus responsables veñen de anunciar o remate do colectivo e o peche da súa páxina web “despois de múltiples intentos de solicitar apoios que fixesen sustentable o mantemento desta ferramenta”. O peche será gradual e colaborativo: cada vez que unha persoa escoite unha das 1.252 gravacións que no seu día formaron parte de Escoitar.org, esta borrarase da base de datos. “Desaparecerá como son que é, será de novo algo máis que un arquivo, será un acontecemento”, din, engadindo que “igual que a súa elaboración, a súa desaparición debe ser froito dun acto colectivo e compartido”. Destacan a este respecto que “non querendo resignarnos a que vague inerte e estéril como un cadáver dixital, decidimos devolver os seus sons á vida, á súa esencia transitoria”. Comeza, pois, un acto de demolición colectiva e virtual”.
[+ info]