“En 1922 Castelao publicou na editorial Céltiga unha obra de espírito teatral e carácter humorístico que falaba das relacións entre os mortos e os vivos na cultura galega. Era O ollo de vidro, un conto sobre a perspectiva, sobre a posibilidade de habitar a vida desde a conciencia, contemplando a historia política contemporánea en directo e cruzando, con elegancia, a liña entre a ficción e a realidade, entre o rural e o urbano, entre a poética e a política. No conto, unha prótese ocular de cristal –daquela unha rechamante novidade comercial– permitía maxicamente que vivos e mortos se mirasen. Así, artistas e literatos, figurativamente, viraban tamén eles «fabricantes de ollos».
[…]
Fronte ás ruínas do mundo popular, o continuo reinventar dos seus saberes e formas afirma aínda hoxe a potencia rexeneradora da súa historia de continuidades e fragmentos, no seu permanente facer e desfacer. Trátase de convocar esta conciencia, e ese devir, propios dun tempo cíclico, contra a historia en maiúsculas. Para mediar a irrupción formal do mundo vello no tempo do capital, entre os dispositivos fundamentais desta exposición atoparemos máscaras e fetiches, trazos e inscricións, imaxes e paisaxes, collages e refeitos. Estes xeitos, a través dalgún cento de dispositivos, ofrecen unha poderosa gramática cultural de resistencias aínda operativas, convocadas por unha extensa selección de artistas, traballos, formatos e rexistros, todos eles capaces de ver, e de facer ver, o ausente no que está presente, e o que hai no que xa non hai. E este foi tamén, dun xeito moi especial, o caso dos proxectos comisionados de Xoán-Xil e do colectivo Nova Escultura Galega, formulando desde as súas propias linguaxes uns ollos que nos miren e que nos deixen ver”.
Germán Labrador Méndez, comisario
[+ info sobre la exposición]
[+ info sobre la instalación]